Didáctica das Ciencias Experimentais
O grupo de investigación da área de ciencias experimentais está formado por PDI da área de ciencias do departamento de Didácticas Aplicadas da USC e doutras universidades (UDC, UVigo, UAM), e investigadores/as en formación con bolsas FPU, FPI ou contratos con cargo a proxectos.
Nace inicialmente como un grupo de investigación centrando na análise do discurso, razoamento e argumentación (RODA) na aula de ciencias no ano 1994, que se amplía incorporando a análise doutras prácticas científicas.
As investigacións do grupo sitúanse no marco da aprendizaxe de ciencias mediante prácticas científicas (indagación, modelización e argumentación). Nesta liña, realizáronse no grupo numerosas investigacións vencelladas a diversos proxectos nacionais e internacionais (S-TEAM, Mind the gap, kidsINNscience). Estes proxectos permitiron ampliar o coñecemento sobre o desempeño de prácticas científicas polo alumnado de distintos niveis e deseñar materiais didácticos para a incorporación destas prácticas na aula de ciencias.
Na actualidade, o grupo continúa ampliando as investigacións sobre prácticas científicas, incorporando á análise a compoñente da reflexión explícita sobre as prácticas en distintos contextos de aprendizaxe de temas científicos e socio-científicos. Ademais, avánzase no estudo da transferencia efectiva de prácticas científicas polo profesorado e na identificación e aplicación de criterios para deseñar materiais e recursos que logren promover estas.
Das investigacións realizadas dentro do grupo derivan numerosas publicacións internacionais e nacionais de impacto, que poden ser consultadas nos currículos vitaes da web RODA.