Presentación

Grupo Roda (GI 1667)

O Grupo Roda recoñecido como grupo de referencia competitiva pola Xunta de Galicia, está integrado por 35 persoas das didácticas aplicadas das áreas de Didáctica das Ciencias Experimentais, das Ciencias Sociais, das Linguas e Literaturas e das Matemáticas. O campo común de pesquisa céntrase no desenvolvemento de competencias (científicas, lingüísticas, matemáticas, sociais). Pretende promover unha educación integrada (interdisciplinar) que desenvolva competencias necesarias para as e os cidadáns dunha sociedade en continua transformación, alén dunha especialización académica a idades temperás.

Nos últimos 5 anos a actividade do grupo materializouse na xestión de 4 proxectos do Plan Nacional de I+D+i e un proxecto europeo; 16 artigos publicados en revistas incluídas no Web of Science e 8 en Scopus, ademais doutros moitos incluídos noutras bases de datos (como ERIH ou IN-RECS) e varios libros en editoriais españolas e internacionais (Peter Lang, Springer, e outras).

Está estructurado en catro seccións que corresponden a catro áreas de coñecemento, con obxectivos específicos diferenciados mais concurrentes:

Desde o DCE: Investigar procesos polos que o alumnado participa en e transfire as prácticas científicas de produción, avaliación e comunicación do coñecemento en diversos contextos e niveis educativos. Este obxectivo equivale a investigar os procesos de desenvolvemento das tres competencias científicas de modelización (produción), uso de probas (avaliación do coñecemento, ou argumentación) e indagación, e da súa transferencia á práctica.

Desde o DCS: Procesos de construción de identidades, contribuír ao desenvolvemento da habilidade específica para interpretar e dar novos significados á realidade: a) identificar os problemas para concibir as identidades culturais , políticas e sociais como realidades abertas e en construción e non como esenciais; b) superar obstáculos que dificultan a comprensión histórica da existencia de procesos de construción de identidades con relación ao territorio e ao patrimonio, desde o ámbito local ao global; c) definir o modelo cognitivo de aprendizaxe das ciencias sociais para acomodar o ensino e a avaliación ás competencias básicas

Desde a DLL: Investigación nas competencias lingüísticas, nun marco de convivencia con dúas linguas oficiais entendido como oportunidade para acadar un plurilingüismo real: a) afondar na avaliación da competencia comunicativa dos escolares en galego, castelán e linguas estranxeiras identificando fortalezas e debilidades; b) deseñar estratexias de mellora, atendendo ao enfoque pedagóxico-didáctico e ao seu uso instrumental no ámbito escolar; c) mellora de competencias en argumentación e razoamento; d) investigación nas relacións entre educación literaria e a construcción de identidades.

Desde a DM: Investigar competencias para a modelización matemática, desenvolvemento de argumentos cognitivos e metacognitivos para elaborar probas e refutacións de técnicas e tecnoloxías matemáticas, e a súa capacidade para a indagación científica, tanto práctica como metacognitiva. Analizar o pensamento e capacidade do profesor para apoiar o desenvolvemento destas capacidades e competencias. Actualmente están ocupándose preferentemente de problemas de aprendizaxe en adolescentes en risco de exclusión.