Bieito Silva Valdivia é licenciado en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa, e doutor pola Universidade de Santiago de Compostela.

Na actualidade é Profesor Titular na área de Didáctica da Lingua e da Literatura do Departamento de Didácticas Aplicadas e desenvolve a súa docencia na Facultade de Ciencias da Educación da USC. É tamén Catedrático en excedencia de Ensino Secundario.

O seu labor profesional está centrado na formación inicial do profesorado de linguas a través das titulacións de mestre e, especialmente, do Máster en Profesorado de Educación Secundaria. Colaborou tamén en múltiples actividades de formación continua dese mesmo profesorado.

As principais liñas da súa investigación son a Educación plurilingüe, a Avaliación da competencia en comunicación lingüística e a Didáctica de linguas en contacto, campos nos que dirixiu e publicou diversos traballos.