María Pilar Jiménez Aleixandre é catedrática de didáctica das ciencias experimentais na Universidade de Santiago de Compostela, e a súa investigación versa sobre a argumentación, o uso de probas e o pensamento crítico. En argumentación, razoamento e uso de probas é unha das autoras máis citadas internacionalmente: o artigo de Jiménez-Aleixandre, M. P., Bugallo Rodríguez, A. & Duschl, R. A. (2000) "Doing the lesson or doing science": Arguments in high school genetics. Science Education, 84, 757–792, é o máis citado (867 citas actualmente) de investigadores españois no Social Science Citation Index até 2012. Tamén o libro Argumentation in science education: perspectives from classroom-based research de Springer (Erduran & Jiménez-Aleixandre, M. P.; Eds., 2008) é un texto de referencia en argumentación, con máis de 300 citas. É autora de numerosas publicacións en inglés, castelán como 10 Ideas clave: Competencias en Argumentación y uso de pruebas, Graó, 2010, galego, portugués e francés, sobre argumentación, pensamento crítico e educación ambiental. É membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega e desde 2015 directora, xunto con Iolanda Casal da Sección de Ciencia do Portal do CCG, Setestrelo. Antes de traballar na universidade foi profesora de bioloxía no ensino secundario durante 12 anos. Pioneira no uso do galego como lingua vehicular no ensino das ciencias, é coautora dos primeiros materiais de ciencias en galego (Arbres de Galicia, 1976) e dos dous primeiros textos de ciencias naturais en galego (Xilbarbeira, editado polos seus autores e autoras en 1982, e Setestrelo, editado por Xerais en 1988). Tamén é coautora do primeiro Vocabulario das Ciencias en galego, en colaboración co ILG en 1991 e doutros moitos materiais, itinerarios, artigos e ensaios sobre o ensino das ciencias, como 'Dubidar para aprender' (Xerais, 1996), ou 'Actividades para traballar a argumentación e o uso de probas' (Danú, 2009). É tamén autora dos guións das bandas deseñadas  ilustradas por Fran Bueno e editadas polo Consello da Cultura Galega, De quen é a auga?, Vivir no solo, Parando a Marea negra e O sabor das mazás. Dirixiu nove teses de doutoramento e numerosos proxectos de investigación, tanto convocados polo Ministerio de Ciencia e Innovación, como europeos no 7º Programa Marco. Dirixiu tamén por convenio co Consello da Cultura Galega o proxecto sobre Información científica na prensa galega.

 

Como autora de literatura en galego, utiliza o nome literario de Marilar Aleixandre. É autora de poesía, Catálogo de velenos (1998, premio Esquío), Desmentindo a primavera (Xerais, 2002); Mudanzas, unha reescrita das Metamorfoses desde a voz das mulleres, premio Caixanova-PEN 2007; Ovella descarreirada (Xerais, 2014); de narrativa como o libro de relatos O coitelo en novembro (2010), ou de narrativa xuvenil, como A cabeza de Medusa, sobre a violación social que segue á física, premio Caixa Galicia en 2008. Forma parte do Consello de Redacción da revista Grial; colabora tamén como columnista en medios galegos, Sermos (papel, cun artigo mensual), Praza Pública (dixital), así como no programa A Crónica da Radio Galega.